A XUSTIZA ALEMÁ ESPIDE AO TRIBUNAL SUPREMO ESPAÑOL

A decisión da xustiza alemá fai estoupar polos aires toda a estratexia do xuíz Llarena e pon en interdito unha acusación de rebelión que só tribunais tan politizados como a Audiencia Nacional ou o Tribunal Supremo conseguiron ver.

Cando Carles Puigdemont foi detido hai tres meses na autoestrada A7 de Alemaña, entre as vilas dede Shuby e Jagel, a decisión sobre a súa extradición quedou en mans dun tribunal. Dá igual cal. O máis próximo. O que rexe para esa rexión federada alemá. O tribunal de Schleswig-Holstein, a tan só media hora de alí.

Se detivesen a Puigdemont na mesma autoestrada unha hora antes ou unha hora despois, serían un tribunal e uns xuíces distintos os que terían que decidir. Porque en Alemaña –e suponse que en España tamén– rexe un principio xurídico esencial: o dereito ao xuíz natural. Que calquera acusado ten que ser xulgado por un tribunal predeterminado por lei, sexa cal sexa, non o que prefiran o Goberno ou o rei. É un dereito humano fundamental e que serve para evitar inxustizas e atropelos obvios. É un dos principios básicos para un xuízo xusto. Un xuízo xusto que, no caso do independentismo, non semella que estea a garantir o sistexa xudicial español.

En España, o principio do xuíz natural tamén está na nosa Constitución.

Artigo 24.2: o dereito ao “xuíz ordinario predeterminado pola lei”. Algo que vén a ser unha clara contradición coa existencia dun tribunal nada ordinario, a Audiencia Nacional, que non ten equivalentes na xustiza europea e que toma moitas das decisións máis sensibles.

Na Audiencia Nacional só hai seis xulgados centrais de instrución. Só seis xuíces polos que pasan os sumarios máis arriscados do país. Que sexan só seis é o contrario a unha garantía de independencia. É unha garantía para o poder, porque é máis doado presionar a seis xuíces, mover as cadeiras de seis xuíces, promover ou castigar a seis xuíces, ca controlar os centos de xuíces ordinarios do país.

Entre outros asuntos importantes, de Estado –coma o terrorismo, os ‘perigosos tuiteiros’ ou a loita contra os grandes delictos económicos da corrupción–, a Audiencia Nacional é tamén o tribunal que decide en España sobre as extradicións. Se tivese sido ao revés, e un prófugo da xustiza alemá fose detido no quilómetro 180 da A6, tería sido a a propia Audiencia Nacional, e non un xuíz de Tordesillas, quen debería sentenciar se se enviaba a Alemaña ou ben se quedaba aquí.

Que tería pasado con Puigdemont se a decisión sobre a súa extradición a tomase unha Audiencia Nacional alemá sobre a que Angela Merkel puidese ter as ferramentas coas que presionar? Non o sabemos. Pero é posible que algo moi distinto ao que acaba de ocorrer.

A decisión da xustiza alemá sobre a extradición de Carles Puigdemont espide ao Tribunal Supremo e por extensión ao sistema xudicial español.

O tribunal de Schleswig-Holstein non ve por ningures ese delicto de rebelión para o que se precisa un alzamento armado e violento que xamais existiu. O dictame deste tribunal fai estoupar toda a estratexia do xuíz Pablo Llarena, toda a súa instrucción, e pon aínda máis en interdito unha acusación esaxerada, a de rebelión, que, en toda Europa, só xulgados tan politizados como a Audiencia Nacional ou o Tribunal Supremo español acadan a veren.

O que ocorreu no Supremo enténdese mellor cando se coñece o sistema de elección de xuíces que rexe no máis alto tribunal español. Ao Supremo chégase por decisión directa dos vocais do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) sen ningún concurso de mérito especial. E á súa vez os 20 vocais do CGPJ son nomeados, directamente e a dedo, polas maiorías parlamentarias do Congreso e o Senado. É dicir, ao Supremo español só se chega dende hai moitos anos co apoio da maioría conservadora do CGPJ que nomea a dedo o PP. Coa isto coa súa imprescindible beizón. Somos case o único país de toda Europa onde a elección dos xuíces do Supremo se fai deste xeito, case directamente dende o poder político, sen que prevalezan os criterios de mérito ou experiencia, como ten criticado en varias ocasións o Consello de Europa.

O xuíz Pablo Llarena, por exemplo. Conseguiu chegar ao Supremo en 2016 tras ser o presidente e voceiro da APM, a asociación xudicial conservadora. Tras liderar a APM, foi ascendido ao Supremo cos votos dos vocais nomeados a dedo polo PP. Non levaba unha instrución penal dende había anos.

Cuestión de competencia

Un dos abusos máis claros de todo o proceso penal contra o independentismo reside aí, en quen son os xuíces que están a decidir se os líderes independentistas son culpables ou non. En teoría, a competencia sobre os delictos de rebelión e sedición eran en España das audiencias provinciais, non da Audiencia Nacional. Este criterio foi o que aplicaron cando Baltasar Garzón tentou investigar os crimes do franquismo –no Supremo dixéronlle que a rebelión non era cousa súa– ou ben cando procesaron aos controladores aéreos por sedición –cadaquén foi xulgado na súa audiencia provincial máis próxima ao seu aeroporto, non na Audiencia Nacional–. Pero co independentismo catalán, o criterio da Fiscalía e dos tribunais mudou, e da Audiencia Provincial de Barcelona pasouse, como por arte de maxia, á Audiencia Nacional.

Aínda peor foi o cambio co que entrou no baile o Tribunal Supremo. En teoría, aos aforados autonómicos xúlgaos o tribunal superior de cada autonomía. No caso de Puigdemont ou Junqueras, tería que corresponderlles o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, non o Tribunal Supremo, que só se ocupa daqueles aforados non autonómicos. Pero o dereito ao zuíz natural, en España, funciona así.

O argumento que empregaron para pasar este caso ao Supremo é que os seus presuntos delictos afectan a todos os españois, non só aos cataláns.

É ben certo, pero pasa o mesmo con outros moitos delictos que non cambian do xuíz por mor deste motivo. O verdadeiro móbil –que non explicaron– é que os tribunais superiores autonómicos están en parte nomeados polos parlamentos autonómicos. E claro, Puigdemont e mais os seus íanse atopar no TSJ catalán con xuíces promocionados polos seus respectivos partidos. Exactamente igual que ocorre con moitos outros aforados na politizada xustiza española.

P.D. Podería o rei Juan Carlos de Borbón ser investigado pola xustiza despois das revelacións sobre os seus negosios e mais o seu patrimonio oculto en Suíza que confesou a súa entrañable examiga, Corina zu Sayn-Wittgenstein? Podería. Probablemente ocorrería se isos mesmos indicios salpicaran a un cidadán de a pé. Dende que dimitiu como xefe do Estado, o rei emérito perdeu a súa inviolabilidade e ten que cumprir coas mesmas leis ca os demais. Cunha diferenza: que é aforado. E polo tanto, só pode ser xulgado polo Tribunal Supremo e por aqueles xuíces que foron nomeados a dedo polas maiorías parlamentarias.

E se a decisión de investigar xudicialmente ao Borbón dependese dun xuíz ordinario e que xamais recibise ningún favor político, como o xuíz Castro? Pois posiblemente estariamos a falar doutra historia.

Ignacio Escolar é xornalista. É o director de eldiario.es. Autor de escolar.net e analista político en La Sexta. Máis, en www.escolar.net/about.

Nova Original (eldiario.es – 12/07/2018)

Facebooktwittergoogle_plusredditlinkedintumblr

Share this Post

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*