ACTIVACIÓN DO CONSELLO DA REPÚBLICA, EN SETEMBRO.

Torra e Puigdemont planifican darlle pulo este setembro ao Consello da República.

As iniciativas en clave de procés, que se reavivarán co aniversario do 1-O, estarán condicionadas pola futura incertidume da lexislación por mor da negociación dos orzamentos..

O Consello da República era un dos compromisos incluídos no acordo de lexislatura asinado por Junts per Catalunya (JxCat) e ERC. O pacto asinouse o 8 de marzo, cando Carles Puigdemont xa desistira de ser investido polo Parlament, pero as circunstancias -especialmente o apresamento do president ao exilio en Alemaña- obrigaron a redefinir a estratexia e mais o calendario.

En calquera caso, porén, o Consello da República segue a ser un elemento chave da lexislatura e, segundo as diferentes fontes consultadas por NacióDigital, Puigdemont e o president da Generalitat, Quim Torra, prevén activalo en setembro.

A negativa de Alemaña de extraditar ao dirixente ao exilio por rebelión e a súa volta a Waterloo permiten que a estratexia exterior se poida volver a pór en marcha.

Torra traballa co contorno de Palau e con Puigdemont a estratexia a seguir a partir de setembro, que ten cinco datas sinaladas: conferencia do president para deseñar as liñas mestras dos vindeiros meses, Once de Setembro, posta en marcha da “Crida Nacional para la República”, conmemoración do 1-O e debate de política xeral ao Parlament.

Na conferencia de Torra, segundo indican varias fontes soberanistas, tamén se fará referencia ao proceso constituínte, outro dos compromisos adquiridos coa CUP para acadar o seu apoio na investidura.

Dáse por feito que a estrutura do Consello da República será privada e aínda queda por definir cal será o seu vencellamento coa Generalitat.

O Consello da República, segundo consta no pacto asinado por JxCat e ERC, ten a seguinte función primordial: “Debater e promover as actuacións precisas para irse achegando cara ao establecemento da República Catalá”.

Todas as fontes consultadas sinalan que aínda hai que definir o vencellamento entre este organismo e a Generalitat, se ben xa se dá por feito que a súa estrutura será moi semellante á dunha fundación privada. Estará presidido por Puigdemont e terá sete membros: tres a propoñer por JxCat, tres nomeados por ERC e un pola CUP. Un dos cometidos será, precisamente, definir o debate sobre o proceso constituínte.

Torra, nunha reunión coa CUP no comezo do seu mandato, comprometeuse a pór en marcha os traballos de redacción da Constitución catalá “o antes posíbel”. O president da Generalitat leva semanas advertindo da creación das condicións para promover un “novo 1-O”, e hai ben pouco tempo xa chamou a atención nunha entrevista á Axencia Catalá de Noticias (ACN) que se precisarán de “enormes sacrificios”.

Na Conferencia de setembro, por outra banda, reclamará “organización e preparación” á cidadanía.

“É un tema do que se falou ben pouco, todos temos que ser conscientes dende este intre que se pretendemos chegar á independencia precisaremos toda a nosa afouteza e carraxe, e facer as cousas aínda mellor do que as fixemos no pasado outubro”, insistiu.

O deseño da estratexia farase de a cabalo entre Barcelona e Waterloo, campo base de Puigdemont dende o que continuará a internacionalizar o procés. As concrecións do procés deberían quedar reflectidas no debate de política xeral, a primeiros de outubro, en plena recta final cara ao xuízo contra os dirixentes soberanistas que protagonizaron os feitos do outubro pasado.

“Novamente haberá unha subida da temperatura, como no pasado outono, cos efectos imprevisibles do xuízo e das posibles condenas”, prognostica un alto dirixente consultado. Hai outra variábel que o condicionará todo: saber se o Govern é quen de aprobar os orzamentos. Non se desbotan nin tan sequera unha prórroga ou uns novos comicios. Torra nin tan sequera desbota a súa dimisión de se dar o caso de que a lei máis importante do ano sexa rexeitada.

Xogo de alianzas e os “tres momentos”.

As contas e a súa elaboración aceléranse despois da presentación do plan de Govern -previsto para setembro-, marcarán o futuro da lexislatura. Torra quere falar directamente coa CUP, porque sempre considerou que o proxecto independentista “é de 70 deputados” e segue a definilos como socios prioritarios a pesar de terse situado na oposición. Os anticapitalistas, segundo fontes parlamentarias, presionarán para incluír “partidas republicanas” concretas, do mesmo xeito que ocorreu nas últimas contas aprobadas, nas cales reclamaron fondos específicos para o referendo. Será complicado, porén, que dean o seu apoio, tendo en conta que os avisos verbalizados polo propio Carles Riera nós últimos meses.

Conscente desta posibilidade, o Govern tamén ten interese en sondar Catalunya en Comú Podem, que ten oito deputados, e diversas fontes indican que non faltan dirixentes do executivo que abren a porta a falar co PSC. “Ninguén veu a por nós”, puntualizaba este venres Teresa Cunillera, delegada do Goberno español en Cataluña. A Generalitat e mais o Estado reuniron a comisión bilateral para tentar un novo clima de diálogo, pero as diferenzas en aspectos chave -presos e referendo- non presaxian acordos inminentes. De feito, Pedro Sánchez admite que nos vindeiros dous anos non se resolverá o caso catalán e, quizais por iso, insiste en non pretender abrir novas vías xudiciais para combater o independentismo, como desexa o PP.

Torra identifica o xuízo contra a cúpula do procés, as municipais e unhas futuras eleccións catalás como momentos propicios para achegarse cara á República.

O novo líder dos conservadores, Pablo Casado, xa advertiu que apostará por un novo 155 no caso de que Torra e Puigdemont manteñan unha estratexia de confrontación, pero polo de agora Sánchez aspira a encamiñar unha nova etapa de diálogo. En paralelo, iso si, os dous presidentes -así se lles di ás claras en Palau e nas súas respectivas contornas- discorren un plan de tres “momentos” que poden levar á República: o xuízo contra a cúpula do procés, as eleccións municipais de 2019 e uns hipotéticos comicios ao Parlament. O desafío é, din no Govern, “interiorizar” as leccións do ano pasado e preparar o enfrontamento con maiores garantías sen descoidar a bandeira dun referendo acordado.

Nova Original – Nació Digital (04/08/2018)

Facebooktwittergoogle_plusredditlinkedintumblr

Share this Post

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*