CAL É A IDEOLOXÍA DE CIUDADANOS?

Ciudadanos é de dereitas, mais non o queren saber

Albert Rivera non é de centro: así votou Ciudadanos no Congreso, no Parlament e no Concello de Barcelona.

Cal é a ideoloxía de Ciudadanos? Os de Albert Rivera téñense definido a miúdo como un espazo de centro e, ultimamente, como un partido liberal. Pero, desde a esquerda, as máis das veces son acusados de seren unha nova expresión da dereita patrocinada polo Ibex-35. Cal é a realidade? CRÍTIC fiscalizou a actividade parlamentaria da formación laranxa no Congreso, no Parlament de Cataluñaha e no Concello de Barcelona. A conclusión principal: no Congreso, dende xuño de 2016, os de Rivera votaron 240 veces xunto cos de Rajoy, o que supón un 75% de coincidencia. Ciudadanos coincide co PP non só sobre Cataluña, senón tamén en materia laboral, de fiscalidade ou mesmo en materia de pensións. Os puntos de encontro coa dereita son múltiples tamén no Parlament e no consistorio barcelonés. De seguidon contámosvos con datos cal é o verdadeiro perfil ideolóxico de Ciudadanos.

Hai case tres anos, CRÍTIC publicou o artigo “Ciudadanos é de dereitas, mais non o queren saber”, que analizaba como se posicionara no Parlament unha formación que, na súa orixe, viñera presentándose como socialdemócrata. O resultado da análise non deixa no seu día espazo para a dúbida: en materia social, C’s adoitaba votar case que sempre na liña das formacións da dereita tradicional. Agora, o partido liderado por Albert Rivera xa ten algo máis de traxectoria acumulada non só no parlament ou no Concello de Barcelona, senón tamén no Congreso, onde Rivera xa se consolidou como o líder de referencia dun suposto novo centrismo español. Pero… é realmente así? As posicións de Ciudadanos no Congreso… avalian esta tese?

Para contrastalo, CRÍTIC analizou a fondo a actuación da formación de Albert Rivera no Congreso. Durante esta lexislatura -que se iniciou no verán de 2016- votáronse preto de 320 cuestións. En 240 ocasións, un 75,2% dos casos, votou exactamente o mesmo ca o Partido Popular. Por outra banda, as coincidencias entre o PP e o PSOE redúcense a un 60% das iniciativas. A porcentaxe cae a un 34,2% se facemos unha comparativa das coincidencias entre o partido do Goberno e o grupo confederal de Podem – En Comú Podem – En Marea. Pero é que, por se iso non abondase, o partido de Rivera só votou o contrario ca o de Rajoy 32 veces, é dicir, un 10% escaso dos temas. Ciudadanos converteuse en gran medida no sostén de Rajoy no Congreso. Neste gráfico podes ver algúns exemplos.

Albert Rivera non é de centro

Que votou Ciudadanos no Congreso? / Infografía: Helena Olcina. “

Contra o independentismo, máis intransixentes ca o PP

A proximidade de Ciudadanos co PP tradúcese nun aliñamento con Rajoy nos temas chave. O caso máis evidente é todo o vencellado ao procés independentista catalán. Os exemplos son múltiples: apoio á aplicación do artigo 155, Proposición non de Lei para defender e secundar o labor das forzas e corpos de seguridade do Estado ou mesmo a presentación, pouco antes do 1-O, dunha Proposición non de Lei sobre o “apoio institucional á defensa do Estado de Dereito en Cataluña”, que non foi aprobado a pesar do voto favorable do PP. Aliñouse tamén co PP e mais co PSOE para rexeitar iniciativas dos grupos cataláns, como dúas mocións do deputado do PDeCAT Jordi Xuclà baseada na “crise democrática do finaciamento da xustiza en España” ou tamén sobre a “operación Diálogo”. En decembro de 2016, os mesmos partidos tamén refusaron outra de Francesc Homs (deputado naquelas datas), na que pedía que se atendesen as 46 peticións que Carles Puigdemont fixera había uns meses a Rajoy.

En defensa de Fernández Díaz

A diferenza dos socialistas e de Podem, C ‘s non creu que na etapa de Jorge Fernández Díaz á fronte do Ministerio do Interior se puxese en marcha a chamada “Operación Cataluña” nin que tivesen empregado recursos e axentes policiais con “finalidade partidista”. A formacióna aliñouse co PP na defensa acrítica do Tribunal Constitucional (TC) e, por poñer un exemplo, en 2016 votou en contra dunha proposición de lei para derrogar a reforma exprés do organismo, que a dotara de capacidade executiva.

O PP e Ciudadanos, contra o modelo de escola catalá

Ciudadanos tentou aproveitar a implementación do 155 para procurar que se actuase sobre a escola catalá, un dos seus cabalos de batalla. O 23 de novembro, expuxo a creación dunha “axencia independente” que asumise as tarefas da inspección educativa nas escolas, fundamentalmente para combater “o adoutrinamento”. A proposta contou co apoio do PP, pero co rexeitamento da maioría do Congreso e non foi adiante, como tampouco o fixo outra iniciativa do partido gobernamental para fortalecer o control actual nos centros. Dúas semanas antes, C’s tamén votou xunto co PP en contra dunha moción de ERC en defensa do modelo de escola catalá.

O único opositor ao concerto económico vasco

O centralismo quedou en evidencia en varias ocasións, como cando se converteu no único dos catro grandes grupos do Congreso en votar en contra das leis de actualización do concerto económico e cupo vasco. Hai que lembrar que C’s non ten ningún deputado no Parlamento vasco. En outubro de 2016, tamén fora a única formación que non validou a tramitación da reforma do Estatuto de autonomía do País Valencià, para mellorar o investimento; e dous meses despois rexeitou a reforma do Estatuto de Canarias, desta vez aliñado unicamente con Podem.

Apoio aos orzamentos e defensa da reforma laboral

Á espera de comprobar que pasa coas contas de 2018, polo de agora Ciudadanos sempre lle facilitou ao Goberno de Rajoy a aprobación dos orzamentos, así como as diversas normativas encamiñadas a “garantir a estabilidade orzamentaria”, como o teito de gasto. As dúas formacións acordaron rebaixar impostos, un pacto que non beneficia ás rendas máis baixas. Neste tipo de cuestións económicas, o PP topou case sempre co rexeitamento do PSOE e sempre co de Podem.

No que atinxe ás cuestións laborais, C’s afastouse das peticións dos sindicatos. Así, por poñer un exemplo, a finais de 2016 abstívose na proposta do PSOE para pedir a derrogación da polémica reforma laboral do PP -na lexislatura con Rajoy de presidente en funcións xa se abstivera nunha proposta semellante de Podem. Si que votou a favor da polémica reforma do decreto da estiba, que xa provocara un gran conflito cos traballadores do sector. Meses antes, pola contra, non avalara unha proposta de Podem para mellorar as condicións laborais das estradas e pisos do sector turístico, coñecidas popularmente como “Kellys”.

Contra a mellora das pensións

Durante 2017, C’s tampouco votou a favor de diversas iniciativas destinadas a garantir unhas pensións públicas dignas, como unha moción socialista para mellorar as pensións de viuvez das persoas maiores de 65 anos con menores ingresos, outra sobre as medidas que había que tomar para garantir que as prestaciáons non perderan poder adquisitivo -como está a ocorrer- unha vez esgotado o Fondo de Reserva da Seguridade Social ou mesmo outra na que se defendía a derrogación do chamado “factor de sustentabilidade” e do índice de revalorización das pensións, que na práctica traduciuse ata o de agora en incrementos dun 0,25% da paga, case que sempre inferior á inflación. Todas estas propostas recibiron o apoio das formacións de esquerdas, o rexeitamento do PP e a abstención de Ciudadanos.

Refuxiados e privatización de servizos públicos co PP

O evidente incumprimento das cotas de acollida de refuxiados ás que o Goberno español se comprometera coa Unión Europea provocou que a finais de outubro o Congreso aprobara a reprobación dos ministros de Interior, Juan Ignacio Zoido, e de Exteriores, Alfonso Dastis. A votación recibiu o pulo de Podem, e C’s, como non podía ser doutro xeito, optou pola abstención e non se posicionou contra o Executivo de Rajoy.

O partido de Rivera si fixo o mesmo ca o PP e tamén se opuxo a unha moción de Podem sobre a “privatización dos servizos públicos e de saúde e os seus efectos sobre a sustentabilidade do sistema sanitario”. Noutra iniciativa da formación de Iglesias, referida á “ascendente corrupción na xestión da auga” vencellada á “privatización” do servizo, o grupo de Rivera tamén optou por mirar cara a outro lado, mentres que, no entanto, había un ano que si refusara a proposta de crear un “polo bancario público” formado por Bankia, Banco Mare Nostrum (BMN) e o Instituto de Crédito Oficial (ICO). C’s tampouco votou en prol da eliminación das famosas portas xiratorias entre a Administración pública e a grande empresa privada e desta vez aliñouse co PSOE e mais co PP.

Non-anulación das sentenzas do franquismo

A memoria histórica é unha das materias que máis titulares xerou Ciudadanos, fundamentalmente polos impedimentos que puxeron para condenar o franquismo e os seus crimes, como ben retratou Sergi Picazo a CRÍTIC. E iso tampouco cambiou na actual lexislatura, xa que se abstivo nunha proposta do PdeCAT para modificar a lei da memoria e anular as sentenzas do franquismo, ou noutra do PSOE que permitía especificamente invalidar a condena a morte do presidente catalán Lluís Companys. En ambos os dous casos, as resolucións tiraron cara a adiante, a pesar do rexeitamento do PP.

Política internacional: pola liberación dos presos políticos… en Venezuela

E para rematar, con respecto ás cuestións internacionais, poderiamos dicir que C’s foi o alumno máis aplicado do manual neoliberal, xa que foi o único que rexeitou o acordo de diálogo e cooperación entre a UE e os seus estados e Cuba; aliñouse varias veces co PP para sacar adiante a aprobación do CETA, o polémito tratado de libre comercio entre a UE e Canadá; estivo a carón do PP e mais do PSOE para validar o acordo entre España e Arabia Saudita de “protección mutua de información clasificada no ámbito de defensa”; e xunto con eles dous tamén aprobou unha proposición non de lei para esixir “respecto á democracia” e a “liberación dos presos políticos” en… Venezuela.

Ciudadanos no Parlament (máis aló do procés)

Primeira forza do Parlament tras acadar 36 deputados nas eleccións do 21-D, Ciudadanos encabezará a oposición ao Goberno da Generalitat por segunda lexislatura consecutiva. Nun último mandato salientábel, especialmente, polo procés independentista, o grupo liderado por Inés Arrimadas rexeitou todas as leis vencelladas á cuestión nacional: Lei de transitoriedade, Lei do referendo, impugnación ao TC das conclusións da comisión de estudo sobre o procés constituínte…

Concretamente, só deu o seu apoio -e nalgúns casos non na súa totalidade- a 11 das 26 leis que aprobou o Parlament na pasada lexislatura. C’s tamén rexeitou as normativas da comunidade catalá no exterior, a do Código tributario de Cataluña ou mesmo a da Axencia de Ciberseguridade. Ademais, votou en contra dos orzamentos de 2016 e de 2017 e as diversas medidas fiscais vencelladas a eles, tales como o imposto aos activos produtivos das persoas xurídicas, que en cambio si recibiu o apoio de Catalunya Sí que es Pot e a abstención do PSC. Tan só o PP decidiu tomar partido polo ‘non’. A formación abstívose na Lei de universalización da asistencia sanitaria, que pretende garantir a atención a todos os cidadáns do Principado, independentemente da súa situación administrativa, e que tivo os votos de Junts pel Sí, do PSC, de CSQP e da CUP.

Pola contra, C’s ‘s avalou normativas como a Lei do cambio climático, a das seccións de crédito das cooperativas, a de comercio, servizos e feiras; as das asociacións de persoas consumidoras de cánabo, e, a diferenza do Congreso, a lei que declara nulos os xuízos franquistas. Tamén secundou a Lei da renda garantida de cidadanía, que saíu adiante por unanimidadade, e parcialmente a Lei de medidas de protección do dereito á vivenda das persoas en risco de exclusión residencial. O partido tampouco defendeu continuar a tramitación da proposición de lei da CUP sobre o abuso bancario e rexeitou unha moción do partido da esquerda independentista para promover unha banca pública en Cataluña.

Concello de Barcelona: rexeitamento á regulación hoteleira e a xestión pública da auga

No Concello de Barcelona, C’s amosou unha actitude moi conservadora. A lideresa do partido no consistorio é Carina Mejías, exdeputada do PP no Parlament. Anque non é unha cuestión estrictamente local, Mejías levou a cuestión nacional constantemente ao pleno municipal, repetindo constantemente o argumento de que Ada Colau é “aliada” do independentismo.

No que se refire á materia social, o partido laranxa votou en contra de todos os orzamentos da era Colau, e opúxose á incorporación de Barcelona á Asociación Catalá de Municipios e Entidades para a Xestión Pública da Auga (AMAP), partidaria da remunicipalización do servizo. Tamén demostrou ter man dura contra as “ocupacións ilegais” de inmobles, unha cuestión da que responsabilizou constantemente a Colau, rexeitando os cambios na ordenanza do civismo, que rebaixaban dabondo as sancións, e mostrouse moi duro coa cuestión dos “manteiros”. Ademais, abstívose na votación no novo Regulamento de participación cidadá, que permitirá celebrar unha multiconsulta anual coas propostas feitas tanto polos partidos como pola veciñanza, e tamén se opuxeron a dous dos proxectos estrela do goberno de Colau: o superrueiro e o plan de regulación de aloxamentos turísticos, os PEUAT.

E xa para rematar, tamén xerou titulares sobre as cuestións vencelladas á memoria histórica. Como? Coa abstención na decisión do pleno de retirar a medalla de honra da cidade ao exministro franquista Rodolfo Martín Villa, opoñéndose a cambiar o nome do Salón da Raíña Rexente por Sala do Plenario Carles Pi Sunyer, nunha manifesta homenaxe ao alcalde republicano da cidade, ou a rebautizar a praza de Llucmajor de Nou Barris no canto de praza da República.

Nova Original: El Crític (18-02-2018)

Facebooktwittergoogle_plusredditlinkedintumblr

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*