COMO UN SÓ POBO CONTRA O FASCISMO

Artigo do president da Generalitat, Quim Torra, no que censura as accións fascistas vividas estes últimos días.

Quim Torra:

“Democracia, liberdade e civilización. O significado destas palabras é máis importante ca nunca agora que nos enfrontamos ao virtuosismo das trolas e á terxiversación do significado das palabras, que forma parte da natureza do fascismo”. Esta é unha das primeiras reflexións que fai Rob Riemen no imprescindíbel libro Para combater esta época.” E aquí é onde atopamos Cataluña e o noso combate democrático. Non debemos combater nin tan sequera unha concepción antiga, monárquica e autoritaria do público, senón que temos que combater as trolas, o engano e, o máis perigoso aínda, a terxiversación das verbas. Xa o sabemos: a linguaxe é poder e quen o controla ou quen sexa capaz de manipulalo ten capacidade para cambiar a percepción da realidade.

Estes últimos meses -e case que me atrevo a dicir estas últimas semanas- vimos un incremento notábel das agresións, ameazas, intimidacións e da violencia fascista no noso país. Uns grupos de individuos agresivos quixeron atemorizar aos activistas pola liberdade dos presos políticos e a volta dos exiliados. Nalgúns casos, chegaron a agredir fisicamente a persoas que colgaban lazos ou ben instalaban cruces amarelas nas rúas e nas prazas do país. Puiden coñecer de primeira man algúns destes casos e quero transmitir todo o meu apoio e solidariedade con toda esa xente agredida. Esta violencia, coma todas, debe rematar xa. E esixe unha condena firme, sen matices nin equilibrios, por parte de todos. Non pode haber ninguén que queira ser considerado demócrata que cale, matice ou xustifique nada ante estas manifestacións do fascismo nas nosas vilas e cidades.

A policía catalá ten que facer o seu traballo. Non debemos situala no centro do debate político. Nin tampouco convén nin é a estratexia intelixente se realmente se quere que actúe con eficacia. Pero tamén é ben certo que a súa actuación ante estes gromos violentos debe incluír medidas preventivas e de detección precoz e medidas activas cando se comete unha agresión. Débese evitar absolutamente que estes individuos encaretados, violentos e intolerantes poidan ter ningunha sensación de impunidade. E para iso está sobre todo que a xustiza se posicione e tome esta cuestión como unha prioridade de primeiro nivel.

A tarefa profesional, eficiente e contundente da policía e a xustiza debe ir acompañada dunha muralla democrática no eido político e discursivo do país. E isto inclúe aos medios de comunicación, os creadores de opinión e todo o que teña un papel no eido público. Hai que facer un cordón sanitario ante as actitudes fascistas que espertaron nos últimos tempos. Sabemos que hai elementos que sempre estiveron aí e que xa houbo casos de agresións e ameazas dende hai ben anos. É evidente que España non limpou esta escoira fascista e que a transición non rachou de raíz co seu pasado.

Non podemos permitilo. Non debemos deixar que se incube o ovo da serpe. A experiencia e mais a historia daranos sinais moito máis claros do risco de permitir estes comportamentos e de dixerilos como unha normalidade puntual, ou coma unha pequena excepción intrascendente. Pido a todos os partidos políticos cataláns e españois que condenen enerxicamente a violencia destes grupos fascistas contra os independentistas. Que a condenen e que se comprometan a combater o fascismo sen matices. Non fai falla ser independentista para actuar con contundencia contra os violentos. Polo ben de todas as ideas e de todos os proxectos democráticos, non podemos deixar que sigan cara a adiante estas actitudes.

Ninguén, nin aquí nin no mundo, non dubida do carácter completamente pacífico do movemento independentista que nos últimos anos se teñen expresado na rúa cunha pulcritude e un civismo exemplares. O combate político debe estar comprometido sen fendas contra o fascismo. Non podemos aceptar discursos condescendentes, medias tintas nin xustificacións -anque sexan indirectos- destes comportamentos violentos que temos vivido nas rúas de Cataluña.

O noso deber e o noso compromiso, polas grandes leccións que nos ten dado a historia, é o de combater na súa orixe o fascismo. En Cataluña e onde queira que se dea. E por iso tamén lle damos valor e animamos aos loitadores pola democracia e a liberdade de todas as vilas de España a combater conxuntamente esta lacra histórica que xamais rematou.

O goberno porá todo o interese posíbel para frear e facer desaparecer o fascismo das nosas rúas. A policía catalá debe actuar coa máxima eficacia contra estes grupos. Ademais, hai que darlle pulo a un observatorio independente contra o fascismo que documente as agresións e os grupos. Esiximos que os políticos, da cor que sexan, se unan á trincheira democrática que sempre combate sen matices o fascismo. E por último, pido a todos, á cidadanía, máxima responsabilidade e que, ante os casos de risco, se poñan en contacto coa policía para que sexan os profesionais quen actúen. Como en tantas outras cousas, contra o fascismo debemos ser un só pobo. Imos aló.

Nova original – Vilaweb (04/08/2018)

Facebooktwittergoogle_plusredditlinkedintumblr

Share this Post

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*