SORPRESAS XUDICIAIS

O xuíz Pablo Llarena, coa súa actuación de ditar e retirar a euroorde, abriulle a porta a Carles Puigdemont ante a xustiza belga.

É o xuíz instrutor español o que tivo a iniciativa. Puigdemont unicamente está a reaccionar ante a decisión do xuíz.

Tentar resolver politicamente a integración de Cataluña no Estado español dun xeito que resulte aceptábel tanto para os cidadáns de Cataluña como para os do resto do Estado é endiañamente difícil. Pero tentar resolver o problema pola vía xudicial é aínda moito máis complexo.

Aínda que cando se despraza a resposta aos tribunais de xustiza poida semellar que se vai controlar a traxectoria dos acontecementos, ocorre todo o contrario. Mentres un problema de natureza política se mantén dentro do eido da política, hai algunha posibilidade de tratalo dende a negociación. Cando un problema desta natureza é desprazado ao terreo da administración de xustiza, esa posibilidade esmorece. Non hai ningún xeito de controlar o derroteiro dos acontecementos. E a negociación xa é imposíbel.

Como, ademais, o problema continúa a ser de natureza política,

anque estea residenciado ante un tribunal de xustiza, o cruzamento da lóxica política e mais da lóxica xurídica desvirtúa a acción do Tribunal, facéndolle perder o control do propio proceso xudicial que ten que decidir. Non só se gaña en seguridade, senón que se produce o efecto contrario.

Puidera ser que Mariano Rajoy e o Fiscal Xeral do Estado, José Manuel Mazas, estivesen seguros de que activando querelas polo delicto de rebelión contra Carles Puigdemont e outros políticos nacionalistas cataláns ían controlar o procés e en pouco tempo o Tribunal Supremo ditaría unha sentenza coa que poñería a cadaquén no seu sitio. Unha vez ditada a sentenza, ben se podería volver a recorrer á política, pero coa base sólida dunha sentenza en firme, con valor de cousa xulgada.

Pero esa confianza na acción da xustiza era un soño. Os recodos polos que pode discorrer un proceso xudicial son case que tan numerosos como aqueles polos que pode transitar a acción política. Como, ademais, están codificados e hai dereitos que se poden facer valer en cada un dos ditos recodos, o enleamento pode resultar inmanexábel.

A tentativa de procesar a Carles Puigdemont e demais políticos nacionalistas polo delicto de rebelión está a ser máis que evidente.

O Tribunal Supremo perdeu o control do proceso. Non pode proceder contra Carles Puigdemont trala decisión do Tribunal Superior de Schleswig-Holstein e, ao non poder levalo a cabo, tampouco pode proceder contra os demais querelados sen rachar a “cadea de lexitimidade democrática” en que consiste o Estado Constitucional, xa que, de todos os querelados, unicamente Carles Puigdemont é portador de lexitimidade democrática a traveso da investidura. Todo os demais recibírona del. O seu procesamento deriva do procesamento do president, é unha consecuencia do procesamento do president. O Tribunal Supremo podería abrir xuízo contra Carles Puigdemont exclusivamente, deixando fóra aos demais. Pero o que non pode é procesar aos demais sen procesar a Carles Puigdemont. Isto é unha consecuencia ineludíbel do principio de lexitimación democrática do poder.

Pero é que aínda hai máis. Coa errática instrución do xuíz Pablo Llarena, que o levou a retirar primeiro a euroorde ditada no seu día pola xuíza Carmen Lamela ante a xustiza belga, a ditar despois unha nova euroorde para volver a retirala novamente, o xuíz instrutor afectou a dereitos fundamentais de Carles Puigdemont negándolle así, ao mesmo tempo, a posibilidade de se defender.

Trala emisión das dúas euroordes, Puigdemont tivo que poñerse a disposición da xustiza belga

e, anque non se adoptaron contra el medidas privativas de liberdade, si se veu sometido á restricción de movementos e á comparecencia periódica ante o xulgado correspondente. Tivo que contratar un avogado para se defender, incorrendo nos gastos que comporta a dita contratación. E para rematar, ao ser retirada a euroorde, non puido defenderse e ter unha resposta xudicial fronte á acusación que o xuíz instrutor español lle dirixía.

Coa súa actuación de ditar e retirar a euroorde, Llarena abriulle a porta a Puigdemont ante a xustiza belga. É o xuíz instrutor español o que tivo a iniciativa. Puigdemont unicamente está a reaccionar ante a decisión do xuíz. Se non tivese retirado a euroorde, non podería nin desenvolver a demanda civil ante a xustiza belga. Trala retirada, Puigdemont, que é un cidadán en pleno exercicio de todos os seus dereitos fundamentais, xa que logo non foi privado de ningún deles mediante sentenza xudicial firme, que reside en Bélxica e que se viu afectado no exercicio dos seus dereitos polo xuíz instrutor sen darlle a posibilidade de se defender, ten todo o dereito do mundo a demandar ao dito xuíz instrutor e a esixirlle responsabilidades por unha instrución errática.

É o propio xuíz Llarena o que se enrocou nunha posición xurídica que non se sostiña por ningures.

Non estamos ante un ataque groseiro á integridade da xustiza española, como ben dixo Llarena. É unha reacción de lexítima defensa fronte a unha disposición errática.

O 4 de setembro vaise producir unha nova sorpresa. E non será a derradeira.

Nova Original – El diario.es (19/08/2018)

Facebooktwittergoogle_plusredditlinkedintumblr

Share this Post

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*