TRILOXÍA FEDERAL

Tres cartas dun federalista catalán.

1. Do federalismo utópico ao independentismo científico (cando o lóxico debería ser o contrario).

Case 150 anos en defensa dunha España federal, dende o texto de Valentí Almirall, Bases para la constitución federal de la nación española y para la del Estado de Cataluña (1868), non conseguiron instaurar unha Federación democrática de pobos hispánicos. En España o federalismo é unha utopía, mellor dito unha distopía para a dereita e unha parte significativa da esquerda. Pi i Margall foi teimudo cando fixo unha pedagoxía federal despois do fracaso da Primeira República federal, especialmente co seu libro Las nacionalidades (1876). Non foi quen de acadalo. En España non é posíbel facer normal o que a sensatez indica. Xa podía o gran federalista catalán explicar como a federación era un sistema de longa tradición e estabilidade en Estados Unidos de América ou na Confederación Helvética, e que era o sistema político que se axeitaba máis á España plural e diversa. Non convenceu. Fronte ao idealismo de Pi i Margall, a pedagoxía que tentou Valentí Almirall era máis empírica e positivista. En Lo catalanisme (1886) fixo unha descrición da España real, a das distintas linguas e culturas, co ánimo de demostrar que o sistema político que se adaptaba mellor a esta realidade española era unha federación sensíbel e integradora dos particularismos rexionais. Tampouco convenceu, aínda que só se precisaba viaxar polas terras españolas para ver e comprender.

As Españas, de historia plural, foran sometidas a un proceso de unión imposto polo poder omnímodo, uniformador e particularista da Coroa, dende a conquista de Granada. Esta era a opinión de Manuel Azaña no seu maxistral discurso do 27 de maio de 1932, sobre o Estatuto de Autonomía de Cataluña. Azaña, como no seu momento Pi i Margall, os presidentes de goberno máis intelixentes, cultos e incomprendidos da historia contemporánea española, tentou a rectificación histórica dunha tradición de expulsións e conversións forzadas dos diferentes, de imposición dun único e centralizador poder coa beizón inquisitorial da Igrexa católica, de recuperación e representación da España real. Unha España cuxa primeira vítima confiscada e escravizada foi a propia Castela, en 1521, de xeito que o defensor das liberdades catalás puido dicir, con razón, que el era o derradeiro defensor das liberdades españolas. O esquecemento persistente das ideas políticas de Azaña, como de Pi i Margall e Valentí Almirall, a súa soidade, non son casuais; forman parte desta España autista coa súa propia historia, incompetente para a rectificación, obstinada en cometer e repetir os mismos erros do pasado.

Esta é a intransixencia do nacionalismo español, o máis particularista de todos os nacionalismos hispánicos, como o propio Ortega y Gasset recoñecía. O intelixente para unha España democrática e plural sería o recoñecemento na igualdade das diversas identidades culturais e lingüísticas, así como a regulación constitucional como linguas oficiais do Estado o castelán, o catalán o éuscaro e mais o galego. Tan complicado é entender que a unión voluntaria soamente é posíbel se se produce o mesmo recoñecemento para todos coa súa identidade de orixe? O sentimento de pertenza compartido xorde cando existe esta igualdade, e non a imposición dunha cultura e lingua sobre as demais. En Suíza non hai discriminación entre as linguas, anque o alemán é a lingua da gran maioría da poboación, que case triplica á poboación de fala francesa e multiplica por dez ou aínda máis á poboación italoparlante.

O nacionalismo español xamais defendeu a autonomía política por convencemento, senón que o fixo por resignación. Así é imposíbel a construción positiva dun Estado Autonómico cunha perspectiva federal. Foi o catalanismo político quen protagonizou no decurso do século XX unha visión de Estado, fundada na correspondencia e interdependencia entre democracia e autonomía. Un catalanismo que nas súas distintas correntes, autonomista, federalista e independentista, defendeu a identidade nacional de Cataluña e a plurinacionalidade do Estado español. Cando este catalanismo promoveu unha lectura autonomista e pluralista da Constitución española de 1978, mediante as reformas estatutarias, a resposta das institucións do Estado foi negativa e descorazoadora.

O cansazo e desafección prenderon na gran maioría da sociedade catalá. En política, o tempo é moi importante e o tempo federal está a ser superado polos acontecementos. Ou se asume con ousadía a necesidade dun pacto de Estado entre todas as forzas democráticas para o desenvolvemento federal e plurinacional do Estado Autonómico, ou o catalanismo político pode tentar acometer un paso histórico cara á constitución dun Estado propio dentro da Unión Europea. Con todo, de se confirmar o fracaso final do proxecto autonomista e federalista, como propostas maioritarias e xeralizables da historia do catalanismo, haberá que atopar unha solución específica para o autogoberno de Cataluña, dende a negociación bilateral e o recoñecemento da vontade democrática da nación catalá. O independentismo xa non é unha utopía, como si aconteceu co federalismo na Iberia imaxinada por republicana e federal. O obxectivo de Cataluña como novo Estado europeo entrou nun proceso político real, onde a súa consecución non é dependente do que queiran ou fagan as outras partes implicadas nun proceso federal. Neste caso, primeiro depéndese fundamentalmente da propia forza democrática dos cidadáns de Cataluña, co respecto cara ás minorías discrepantes. Este é o momento político que vive Cataluña, anque non hai separación sen negociación, e non é concebíbel en democracia unha secesión unilateral.

Aínda se está a tempo de non perder un último tren federal en España, se queremos evitar realmente a deriva independentista en Cataluña. Non debería ser tan inacadábel en democracia, comezar unha reforma constitucional en sentido federal, que como mínimo desenvolvera o modelo autonómico, tendo como referencia o federalismo alemán na súa organización institucional, distribución de competencias e sistema fiscal, así como o federalismo suízo, no que atinxe ao recoñecemento constitucional das linguas e culturas. Pódese pedir máis, pero isto xa sería un éxito e tería efectos moi positivos na desactivación de todos os nacionalismos, central e periféricos, e, no primordial, acadaría unha maior identificación e lealdade compartida dos cidadáns e pobos de España. Certo é que persistirían as reivindicacións nacionalistas finalistas, aquelas que non conseguen satisfacción se non é mediante un Estado soberano e independente. Pero a voráxine nacionalista xa se suavizara e, quizais, se acadase aquela rectificación azañista, tan indispensábel para que España siga, por fin, o principio que os conflitos en democracia, incluídos os nacionais, sexan resoltos con máis democracia e non con menos liberdade.

2. Federalismo ou atrocidade (a forza da razón ou a razón da forza).

O mundo ten un futuro de paz se vai dirixido cara ao federalismo, pero persiste a hexemonía do nacionalismo, un nacionalismo que se resiste á perda de soberanía dos estados nacionais. Nos últimos anos, sobre o fondo da profunda crise económica e social, o nacionalismo rexurdiu con especial virulencia en todos os países. Un ultranacionalismo populista e demagogo está a gañar posicións dentro do tecido social, introducíndose en todas as clases sociais. Os estados deixaron atrás os efectos da derradeira onda de nacemento ou restitución de estados nacionais en 1989, pechando de novo as fronteiras e opoñéndose a todo novo proceso de autodeterminación. As grandes potencias non están por avalar ningún proceso cara á independencia ou recoñecemento de novos estados. Por suposto, así é en Palestina, Sahara, Cachemira, Tíbet ou Chechenia, entre tantos outros conflitos nacionais combatidos con toda a violencia necesaria, pero tampouco se percibe ningunha empatía ou complicidade cara ás nacións sen estado por parte do mundo occidental, que dende hai anos defenden o seu dereito á autodeterminación de forma pacífica e democrática, como Quebec, Flandes, Cataluña ou Escocia. Neste último caso, a convocatoria do referendo non debería ocultar a seguridade con que David Cameron contempla o seu previsíbel resultado contrario á secesión de Escocia.

Os Estados nacionais non son nada democráticos no que atinxe á súa integridade territorial e, xa que logo, non recoñecen nos seus ordenamentos constitucionais o dereito de autodeterminación das nacións que poidan formar parte deles. Entón, como se poden resolver pola vía pacífica e negociada os conflitos nacionais? Non se me ocorre ningunha outra vía que non sexa a federalista. Nun mundo interdependente e cunha multiplicación exponencial das relacións de todo tipo, económicas, financeiras, culturais ou ben políticas grazas á revolución tecnolóxica da comunicación nos últimos lustros, non hai por que poñerlle portas ao campo, nin elevar tantos muros inútiles para frear a natural relación e cooperación do xénero humano cara a un mundo máis próspero e libre para todos. Un mundo enfrontado (nacionalmente) agudizará a crise ata niveis extremos sen excluír o conflito bélico. A recuperación económica e a pacificación política serán globais ou non serán. Só a colaboración internacional como cidadáns do mundo antes que como nacionais, pode abrir camiños cara a unha paz máis estábel e de futuro con menos incertidume. O mundo xa non pode ser gobernado por unha única potencia, nin polo empate perpetuo entre dúas ou máis potencias. Urxen unhas Nacións Unidas reformadas e con autoridade autónoma e vinculante sobre os Estados. O principio federal fundado no pacto é a única vía para construír un mínimo e novo goberno mundial, imprescindíbel para a paz neste xa encrechado e moi inestábel século XXI.

Aínda é máis necesario o desenvolvemento do principio federal na Unión Europea. É a única forma de frear o avance dos ultranacionalismos na maioría dos estados europeos. Os grandes estados nacionais europeos de longa tradición histórica, como España, Francia ou mesmo Reino Unido, tamén os estados de unificación nacional máis serodia, como Alemaña e Italia, han asumir que o tempo das soberanías absolutas e indivisibles xa rematou. Non haberá Europa política sen reformular a soberanía, tanto a nivel supraestatal como infraestatal. As próximas eleccións europeas deberían ser o intre de retomar a visión federalista e europeísta de Altiero Spinelli e, ao mesmo tempo, o sentido práctico e de goberno cara a unha Europa unida de Jacques Delors. Só así volverá a esperanza e soterraremos para sempre a enganosa e reaccionaria presenza dos nacionalismos populistas.

O nacionalismo español ten un problema engadido aos propios daqueles estados nacionais europeos de pasado conqueridor, que se resisten a unha revisión total das teses de Jean Bodin sobre a soberanía. En España antes foi o imperio que a nación. Un imperio que nunca conseguiu acadar a cohesión nacional dos pobos peninsulares. O Estado constitucional español fracasou como liberal e como nacional. Aínda non é quen de superalo, a pesar de que durante anos de democracia liberal parecera que comezaba unha nova España que se recoñecía na súa diversidade interna. Foi unha miraxe, xamais liscou a España acomplexada internacionalmente, medorenta coas súas periferias nacionais, reticente cara a todo proceso de reforma progresiva da Constitución. O nacionalismo español non é quen xeneticamente de liderar un desenvolvemento pluralista e federal da democracia e, á súa vez, vese incompatíbel cun recoñecemento positivo da plurinacionalidade, que basee e constitúa a unión do Estado español.

Certo é que existiron outros dous catalanismos, hexemónicos nalgunhas etapas históricas, que non son federalistas ou que ven a alternativa federal como solución transitoria. Dunha banda, é o caso do separatismo ou independentismo, cuxa máxima presenza e forza acadouna precisamente nos anos derradeiros, especialmente grazas á cegueira histórica e necidade mental do nacionalismo español. Por outra banda, o catalanismo rexionalista ou autonomista de Prat de la Riba e Cambó, cuxa continuidade histórica foi representada polo pujolismo ata a perda do goberno da Generalitat, no ano 2003, foi un catalanismo pragmático e gradualista, sempre co ton posto na singularidade nacional de Cataluña. Este catalanismo tivo as súas dúbidas democráticas en momentos chave da historia contemporánea, particularmente nos anos da ditadura de Primo de Rivera, na súa resistencia contra a Lei de Contractes de Conreu, promovida polo president Companys, en 1934, e na actuación ou pasividade profranquista dalgúns dos seus salientables dirixentes na guerra civil e primeiros anos da ditadura de Franco. Os mellores e máis ilusionantes momentos do catalanismo xurdiron da unidade e do sentido da oportunidade nas circunstancias históricas que se vivían. Así, deste xeito, foi coa Mancomunidade de Prat de la Riba (1914), coa proclamación da República catalá por parte de Macià, e posterior restablecemento da Generalitat na perspectiva da unión federal dos pobos hispánicos (1931), e coa constitución da Asemblea de Cataluña baixo a hexemonía do PSUC (1970), piar sobre o que se baseou a esixencia do restablecemento da Generalitat republicana e a contorna do president Josep Tarradellas.

Hoxe en día, o catalanismo viaxa na desunión, e aos dirixentes do proceso independentista dominante fáltalles sentido da responsabilidade do momento histórico que se está a vivir. Promoveron unha acción política sen matices nin estratexia, dacabalo dunha lexítima e lóxica mobilización popular ante a discriminación e a aldraxe da identidade e dereitos da sociedade catalá. Pero este apampamento e división interna do catalanismo non debe ocultar a cuestión fundamental: o autoritarismo que caracteriza a un nacionalismo español, que lonxe de abrir vías de diálogo, móvese entre o autismo, o insulto e a ameaza. Ao final, os seus representantes conseguirán a unidade de case todo o catalanismo arredor da única opción defendíbel por exclusión de todas as demais: a independencia.

O nacionalismo español é o primeiro responsábel da permanencia dos conflitos nacionais nas periferias da península. A Constitución democrática non mudou os seus medos e a súa oposición a toda redistribución territorial do poder. Este nacionalismo de estado descoñece os efectos tan positivos que tivo o federalismo para a unión nacional en Estados Unidos, Suíza, Alemaña ou mesmo Canadá. En todos estes países existe a diversidade e, tamén, tensións territoriais, como é lóxico, que se resolven a traveso do diálogo e o consenso. É evidente que son países cunha cultura democrática moi superior á que se ten en España. Por que o nacionalismo español non aprende destes exemplos externos e, pola contra, afonda na súa propia historia de intolerancia e traxedia? Tan difícil é mudar os derroteiros desta negativa historia e darlle pulo a un desenvolvemento verdadeiramente federal do Estado Autonómico? O federalismo pode tender as pontes da convivencia plurinacional entre os pobos de España, no marco da Unión Europea, que debe así mesmo rexurdir a traveso da cidadanía europea e poñendo nun segundo plano as identidades estatais-nacionais. Non é xuizosa e razoábel esta proposta? Entón, por que semella tan irreal? É máis atractiva a barbarie que comportan os enfrontamentos nacionalistas que a pacificación a traveso dos valores federais do pacto, o pluralismo e a fraternidade entre as nacións? Non hai futuro para Europa se non é en federal, o mesmo ca España, que se derruba baixo un nacionalismo español, ancorado entre o autoritarismo e a impotencia.

3. A secesión de Cataluña (unha opción inevitábel e lexítima cando o pacto federal é imposíbel).

A autodeterminación é un concepto republicano que ten a súa orixe na Ilustración e no pensamento kantiano. Na sociedade moderna, baseada no principio de que as persoas nacen libres e iguais, a autodeterminación inclúe varios dereitos ao mesmo tempo: a liberdade de pensamento, o dereito a decidir e a elixir en liberdade, o dereito a expresar as propias ideas a traveso de calquera medio de comunicación co obxectivo de promover ideais compartidos. A autodeterminación ten o seu xerme fundamental na liberdade individual, pero pode desenvolverse por medio do recoñecemento mutuo entre cidadáns que reivindican e participan dun ideal colectivo e público. Foi un 4 de xullo de 1776 cando, cidadáns das13 colonias británicas, acaban xuntándose colectiva e solidariamente para manifestaren a súa libre autodeterminación, e o seu efecto mediante a proclamación da independencia fronte á Coroa Británica, e aí están a exercer o seu dereito inalienábel a decidir o seu destino político e a constituírense como pobo soberano.

A autodeterminación das persoas, fundamento imprescindíbel de toda sociedade democrática, é, á súa vez, expresión do zoon politikon, isto é, do cidadán que vive a súa liberdade cos outros, como parte dunha comunidade política que decide e se autodetermina libremente. Non hai autodeterminación republicana que non xurda da liberdade de todos e cada un dos membros da comunidade política. Neste senso, o lexítimo exercicio da autodeterminación non ten outra vía que a consulta democrática de toda a cidadanía.

As persoas e os pobos son libres en tanto en canto posúan previamente a independencia real para decidir sen imposicións. É así no ámbito privado (o federalismo sinalouno con claridade dabondo) e tamén o é no ámbito público (quen decide nunhas eleccións, os cidadáns independentes e libres, ou os votantes dependentes de quen controlan ou son propietarios dos medios de información e comunicación?). A autodeterminación promovida e conducida polo nacionalismo corre o risco de ser desvirtuada, cando substitúe a libre cidadanía pola exaltación da nación como concepto supremo e de obrigada lealdade. Só o federalismo, comprendido como pacto entre iguais, garante o desenvolvemento republicano da autodeterminación. Porque toda unión federal non pode esquecer que a súa lexitimidade de orixe é o pacto democrático e, polo tanto, o seu efecto ou resultado non pode impoñer unha única e suprema lealdade. Cando dous ou máis pobos se unen federalmente, asumen dúas lealdades, a da nación de orixe e a da unión federal. Dúas lealdades perfectamente compatibles sen que unha sexa superior á outra.

Un futuro imaxinado de paz e fraternidade será federal, porque non é imaxinábel un mundo pacífico e fraternal hexemonizado por/polos nacionalismos. O século XX foi transparente dabondo e tamén contundente como reflexo da traxedia e destrución que comportan os enfrontamentos nacionalistas, especialmente a escala mundial. O federalismo debe rexurdir como ideoloxía alternativa ao nacionalismo na organización interna dos Estados, nas relacións supraestatais e unións continentais e na urxente e necesaria fundamentación dun dereito mundial vencellante para todos. O desenvolvemento da democracia pluralista implica a división territorial de poderes, xa enunciada e promovida por Montesquieu e asumida polos pais fundacionais do federalismo estadounidense.

O gran freo contra o proceso federal é o nacionalismo consubstancial aos estados nacionais. Semellan repousados ata que esperta a besta nacionalista. Os nacionalismos de estado son intransixentes fronte aos obxectivos de calquera outro nacionalismo, que apareza no seu territorio considerado como propio e exclusivo. Establécese de inmediato a dialéctica centro-periferia de confrontamento nacionalista. Non hai posibilidade de acordo final, como non sexa o resultado da imposición dos intereses do nacionalismo de estado. Poderá haber acordos parciais no mellor dos casos, pero serán transitorios e sempre suxeitos á provisionalidade.

Nestas circunstancias e cando o nacionalismo de estado se pecha a cal e pedra, o federalismo contempla a opción democrática da secesión. O pacto federal, para ser válido nun senso democrático e republicano, debe ser igual e conmutativo. É dicir, as partes que pactan fano con reciprocidade e plena liberdade e deste xeito todos saen beneficiados coa unión federal, sen que ninguén teña que refusar da súa identidade e autogoberno. Un federalista que acepta un contrato desigual ou de submisión non é tal. Pola contra, debe contemplar a opción da independencia ou secesión cando non é posíbel un pacto federal en condicións de liberdade e igualdade.

Esta é a realidade que afecta hoxe en día ao autogoberno da nación catalá. Despois de máis de 30 anos de se aprobar a Constitución española de 1978, o Estado Autonómico entrou nun camiño sen saída pola vontade do Partido Popular de non permitir ningún desenvolvemento federal deste. Quen non apoiaron o proceso constituínte español, ou o fixeron a contragusto, preséntanse agora como os máximos valedores dunha Constitución que interpretan dun xeito restritivo e centralista. O Estado Autonómico era un modelo aberto e híbrido, baseado no recoñecemento e garantía da autonomía política das nacionalidades e rexións, que podía e debía desenvolverse en sentido federal, plurilingüístico e plurinacional. Non foi así como aconteceu, senón que quedou diminuído a unha descentralización administrativa, que sendo importante, non ten nada que ver cun modelo de estado composto ou federal. Así o sinalarían autores que son referentes da teoría federal do século XX, como Wheare ou Elazar. O Partido Popular segue a tradición autoritaria do constitucionalismo conservador español de rexeitar sempre a emenda constitucional se non é para recuar. Agora volve facelo porque considera que o Estado Autonómico regulado pola CE78, era un punto de chegada, xamais de partida e, en todo caso, de se levar a cabo a súa reforma, a orientación desta será regresiva e recentralizadora.

Neste escenario, a nación catalá non ten máis opción ca mobilizarse en defensa de estar no seu dereito a decidir a ser consultada en democracia sobre a súa vontade política con relación ao autogoberno de Cataluña e a súa relación co Estado español. En democracia ninguén debe ser sometido contra a súa vontade. E se a gran maioría do pobo catalán quere e esixe ser consultado, as institucións do Estado deben respectar esta vontade e adoptar as decisións precisas para que a consulta democrática se poida levar a cabo. Así mesmo, se a maioría do pobo catalán decide en referendo optar pola constitución dun Estado independente, as institucións do Estado español deben respectar esta vontade e abrir un proceso de negociación política cos lexítimos representantes do pobo catalán. A democracia é o único sistema válido para negociar e consensuar acordos tanto de unión como de secesión. Toda imposición autoritaria, sexa cal sexa a vía utilizada, é antidemocrática e inconstitucional.

Así que a obriga de todo federalista é promover a unión na diversidade, pero cando isto non se pode levar a cabo, tamén asume o deber e o dereito a promover a secesión ou independencia, anque sexa a derradeira, cando todas as demais resultaron baleiras ou imposibles. A autodeterminación, nun senso federalista, baséase na consulta democrática e pluralista, oriéntase cara á unión dos pobos libres e acepta a posibilidade da independencia ou secesión cando xa non queda outra saída democrática. O catalanismo, a día de hoxe, está a asumir dun xeito preponderante a opción pola independencia de Cataluña e a súa separación do Estado español. Durante décadas téñense defedido maioritariamente as opcións autonomista e federalista dentro do Estado español, pero a necidade e intolerancia do nacionalismo español deixou sen futuro nin credibilidade estas tradicións pactistas do catalanismo. Só unha rectificación radical e profunda nas exposicións do nacionalismo español podería cambiar as cousas e reabrir un escenario de entendemento e concordia federal. Dá a impresión de que vai ser que non. Neste caso a ruptura faise inevitábel e á nación catalá, sempre aberta ao acordo e convivencia cos demais pobos hispánicos, non lle queda outra que iniciar o seu propio camiño, navegar pola súa conta, e agardar que a súa vontade de autodeterminación sexa respectada e non afogada á forza.

Barcelona, 6 de outubro de 2013.

Miquel Caminal é catedrático de Teoría Política da Universitat de Barcelona.

Nova original – Sin Permiso (01/12/2013)

Facebooktwittergoogle_plusredditlinkedintumblr

Share this Post

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*