XUSTIZA COA QUE NON SE NOS TRATA POR IGUAL.

A recente sentenza contra uns mozos navarros a altas condenas de cárcere e os cargos contra políticos cataláns ilustran a natureza política do poder xudicial en España: o inimigo está á esquerda.

Na mañanciña do 15 de outubro de 2016 durante as festas de Altsasu (español: Alsasua), unha vila de Navarra, prodúcese unha pelexa de bar entre varios adolescentes e dous axentes da Garda Civil.

Balance de danos: un beizo inchado e un nocello roto. Ata aquí nada inusual nun país como España, onde houbo 9.571 liortas entre a policía e os cidadáns en 2016, que foron clasificados como resistencia á autoridade do Estado. Tamén no caso de Altsasu se interpuxo unha denuncia deste tipo ante as autoridades locais.

Pero entón ocorreu algo co que non contabamos: “Asustámonos cando vimos o que certos xornais españois e mais a televisión estaban a facer do caso no que os nosos fillos estaban involucrados. Alegouse que a vila de Altsasu estaba dividida, que aquí os axentes da Garda Civil non tiñan liberdade de movementos sen seren insultados polos cidadáns.

“Describían unha situación de violencia extrema que nada tiña que ver coa realidade que verdadeiramente estaba a acontecer nese lugar”.

“A prensa preparou o terreo para o que acontecería despois”, explica Bel Bozueta, nai de Adur, agora de 23 anos, un dos oito condenados neste caso.

A avogada de Adur, Jaione Karrera, describe a sucesión dos acontecementos: “Unhas semanas despois da liorta, unha organización de defensa de vítimas do terrorismo presentou unha demanda na Audiencia Nacional de Madrid.”

“A Audiencia Nacional só é responsábel de crimes particularmente graves coma o terrorismo, e os dictames sempre implican sentenzas de cárcere moi altas”. De feito, estase a intentar vencellar a estes mozos cun movemento que pide a retirada da Garda Civil en Euskadi, e indirectamente coa organización euskalduna Euskadi Ta Askatasuna (Euskadi e Liberdade, ETA).

Un caso de terrorismo.

Xa afirmamos en repetidas ocasións que xamais existiron probas de que algún destes mozos formen parte dese movemento. Estas liortas ocorren todas as fins de semana en todo o país, ás veces con armas ou mesmo con bates de béisbol, tendo como consecuencia lesións moito máis graves. Ningún deses casos xamais chegou a un tribunal especial, explica a avogada. Os tribunais locais competentes tamén din que non hai indicios de terrorismo e que o caso debe ser procesado no eido local.

Pero Madrid insiste. A disputa sobre a competencia parte do Tribunal Supremo. Este non exclúe o delito de terrorismo e pasa o caso a Carmen Lamela, xuíza da Audiencia Nacional, a mesma que un ano despois mete preventivamente na cadea ao candidato da presidencia da Generalitat, Jordi Sànchez, e ao presidente da organización catalá Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, por cargos de “sedición”.

As familias de Altsasu observan os acontecementos con decepción e medo.

“A Garda Civil ten un gran poder e unha historia moi sombría. Coñecemos a este corpo policial de Euskadi nos tempos de ETA, foi terríbel. E xa vimos dende o principio que existía un interese político en converter este caso en algo verdadeiramente relevante”, explica a nai de Adur.

O que máis lles indigna é un tuit do daquela xefe do Goberno, Mariano Rajoy, no que aseguraba que este ataque contra a Garda Civil non quedaría impune. Na madrugada do 14 de novembro, os axentes petan nan porta da súa casa e lévanlle ao fillo. Outros sete amigos do rapaz tamén son apresados.

A acusación é de terrorismo.

O Fiscal Xeral pide entre 50 e 61 anos de cadea para sete dos acusados e a unha moza quere metela no cárcere 12 anos. “Houbo un período de investigación moi curto. Tomáronse as declaracións dos nosos defendidos na Audiencia Nacional e encarceráronos preto de Madrid por un suposto risco de fuxida. Tres deles permaneceron en prisión preventiva durante 19 meses, baixo condicións especiais que mesmo lles son aplicadas aos terroristas”, explica Jaione Karrera.

A nai de Adur describe o que iso significaba para el, daquelas estudante de maxisterio e músico: “Todas as comunicacións estaban controladas. Non se lles permitía participar en actividades no cárcere. Eran sometidos aos máis estritos controis de seguridade. Solicitamos unha entrevista cun psicólogo porque os primeiros meses foron moi difíciles para o noso fillo. Iso foi en agosto de 2017, e o psicólogo viuno por primeira vez en xuño de 2018”.

Sen un xuízo xusto.

A avogada de Adur está convencida de que a xudicatura é parcial cara ao seu defendido. “Non se tería chegado a esta acusación tan desproporcionada nin a unha prisión preventiva se os acusados non fosen de Euskal Herria. Todo o proceso en si mesmo foi un completo anacronismo”.

ETA depuxo as armas no ano 2011. Nese intre os acusados aínda era menores de idade.” Todas as nosas probas foron rexeitadas. Só contou o informe dos axentes afectados da Garda Civil. Non se nos foi permitida a presentación de documentos, vídeos nin probas obxectivas, coma un plano do bar, para representar alomenos unha versión distinta á da acusación”. Tampouco foron admitidas probas da defensa que facían referencia á situación política da vila, aínda que unha parte da acusación de terrorismo se refería precisamente a iso.

Pero o asunto aínda vai a peor.

En febreiro de 2017, a defensa descobre que unha das xuízas instrutoras é a dona dun oficial da Garda Civil e mesmo ela foi condecorada por esta policía militar. No entanto, rexéitase unha recusación por parcialidade.

As sentenzas ditadas o 1 de xuño son correspondentemente duras. Se ben a Audiencia Nacional, por medo a que o caso poida ser anulado posteriormente, exonera aos acusados do cargo de terrorismo, aínda así os mozos son condenados por lesións, desordes públicas e ataques á autoridade do Estado. Tres dos acusados reciben a condena máxima de 13 anos, os outros nove anos, a moza, dous anos. A defensa presenta recurso de apelación. No entanto, todos os condenados son apresados pola Garda Civil aos pouco días de se dictar a sentenza..

As familias protestan polas penas desproporcionadas e as numerosas irregularidades.

Milleiros de persoas, tamén doutras partes de España, veñen a Euskal Herria para manifestárense con eles polas rúas. “Non houbo presunción de inocencia. Dende que comezara, só se tivo en conta a versión da acusación, non a da defensa”, resume a avogada Karrera.

Ademais, os acusados xa cumpriron prisión preventiva a case 400 quilómetros dos seus fogares. Esta política de espallamento foi practicada cos presos vascos durante décadas, dende o outono pasado tamén no caso dos separatistas cataláns encarcerados. Bel Bozueta, a nai de Adur, ve ante todo unha motivación política detrás do veredito: “A Garda Civil é un elemento importante da unidade de España, considérase un piar da nación española”.

E aínda a sabendas de que a acusación de terrorismo era insostíbel, hoxe mesmo vemos na televisión como seguían a argumentar nesa dirección, para que o cidadán español común continúe a crer que os nosos fillos son, por dicilo claramente, terroristas.

Hai un propósito claro detrás destas sentenzas: vinganza.

“Aquí, Bel tamén ve semellanzas cos activistas e políticos cataláns encarcerados, nos dous casos, pódese ver que non existe unha separación de poderes efectiva en España”.

Guàrdia Civil

A Garda Civil non é unha forza policial calquera. Este corpo estacionado (cuxo lema é: “a honra é a miña divisa”), que desenvolve tanto funcións militares como civís, foi un dos instrumentos represivos do ditador Francisco Franco. Foi acusada repetidas veces de practicar torturas – Axentes da Garda Civil en Segovia (13.1.2010). Foto: EPA / CHEMA MOYA

 

Cárcere preventivo prolongado.

Os familiares e avogados cataláns tamén se queixan dunha prisión preventiva desproporcionada e de erros de procedemento. O exconselleiro de Asuntos Exteriores e Relacións Institucionais do goberno de Puigdemont, Raül Romeva, está detido por segunda vez en poucos meses.

Non foi ata mediados de xuño cando o Tribunal Supremo español confirmou os cargos contra el e outros 14 políticos cataláns por rebelión e sedición, penados respectivamente con 30 e 12 anos de cárcere. “Rebelión implica violencia en España, pero o meu home non sostivo nin tan sequera unha pedra na man”, di Diana Riba, dona de Romeva.

Critica que os membros do Goberno catalán encausados apenas tiveron tempo de consultar debidamente aos seus avogados. Txell Bonet, parella de Jordi Cuixart, que leva oito meses na cadea, está convencida de que o xuízo non será xusto. “É coma o caso de Altsasu: Esixen o castigo máximo para enreixalos. Ao final, quizais non sexan condenados por rebelión, tal vez a sentenza sexa menor ca no caso dos mozos vascos. Pero serán condenados, a pesar de que non existiu violencia.”

Jaume Alonso-Cuevillas representa a algúns dos políticos cataláns no exilio, entre eles Carles Puigdemont. Alonso-Cuevillas traballa como avogado dende hai 35 anos e é catedrático de Dereito Penal na Universidade Barcelona. “En España, o cárcere preventivo adóitase empregar dun xeito desproporcionado coma se fose froito dun castigo prematuro”.

No noso caso é evidente que se trata dunha manobra disuasoria.

Trátase de que nin a vascos, nin a canarios se lles ocorra imitar aos cataláns.”Do mesmo xeito que a avogada vasca Jaione Karrera, Alonso-Cuevillas está convencido de que se violaron dereitos fundamentais dos seus clientes”.

Ademais, dificultáronlle a defensa: “Avisáronos con moi pouca antelación de que os acusados estaban convocados por rebelión ás nove en punto do día seguinte, e no caso de seren condenados, isto podería significar uns 30 anos de cadea e en Madrid, é dicir, a 650 quilómetros de distancia. Recibín 150 páxinas de documentación, pero non se xuntaron probas”.

O avogado catalán tamén lamenta un abuso do dereito penal: “Poderiase dicir que é desobediencia, non rebelión. Por suposto, perturbar a orde constitucional pola forza é un delito sexa onde sexa.

En España isto aconteceu o 23 de febreiro de 1981 no intento de golpe de Estado da Garda Civil ou o golpe militar de Franco en 1936. Pero aquí non houbo violencia, senón un proceso democrático. O problema é que tanto a fiscalía comamo Tribunal Supremo vense a si mesmos coma vítimas. E é por iso que no se xulga con obxetividade”, di Alonso-Cuevillas.

Poder xudicial conservador.

Joaquín Urías, exvocal doTribunal Constitucional español e profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Sevilla, non cre que estes procesos contra vascos o cataláns sexan un problema de falta de separación de poderes. No entanto, dálle a razón ao avogado catalán en termos de obxectividade: “En España, os xuíces fan o que o goberno lles di”.

Pero o problema é que mesmo son os propios xuíces os que representan unha ideoloxía determinada. “Non é un problema de independencia do poder xudicial, senón da súa neutralidade”. Isto aplícase sobre todo ás máis altas instancias de España, onde os xuíces son nomeados polo Estado.

Nestas instancias as posturas conservadoras son as predominantes. Para Urías, o caso de Altsasu é un exemplo característico: “Hai un conflito entre un policía e un cidadán. O xuíz sempre lle vai dar a razón ao policía, repito: sempre. Isto amedrenta a calquera”. Na súa opinión, nun Estado democrático os xuíces terían que protexer aos cidadáns do Estado, pero en España, os xuíces protexen ao poder estatal do cidadán.

“Cada vez que hai un conflito entre un cidadán e un axente de policía, incluso se o axente de policía cometeu o crime, os xuíces decidirán a prol do policía”:

Especialmente no caso da violación en grupo da denominada “manda” (“A Manda”), que tivo lugar en Pamplona en xullo de 2016 e provocou protestas en todo o país porque os xuíces determinaron que houbera abuso sexual, pero non violación, polo cal os acusados foron postos en liberdade durante o procedemento de apelación. Foi chamativo que dous dos involucrados fosen membros do exército ou da Garda Civil.

O experto en Dereito Constitucional considera que o motivo radica principalmente na “Transición”, nome co que se asigna a transición á democracia en España a partir de 1978. “A diferenza de Alemaña, o poder xudicial non mudou en absoluto despois da ditatura. Votamos tras a morte de Franco unha nova constitución, pero os mesmos xuíces que aplicaran as leis franquistas ata 1975, isto é, leis directamente fascistas foron as que se aplicaron nesa constitución.

Por iso agardan tanto en se afianzar os dereitos e valores da constitución na xudicatura española.” Un gran problema é tamén a formación. “Noutros países, os aspirantes a xuíces adquiren experiencia con casos reais, asisten a outros profesionais, teñen mundo. En España, só tes que estudar durante cinco anos e ter moitos cartos para pagar un titor caro”, explica Urías. O trasfondo social dos xuíces é moi homoxéneo. Isto tamén contribúe á orientación conservadora maioritaria da xudicatura española.

O problema que Urías percibe é a lexislación en si mesma.

O Dereito Penal español está a mudar ideoloxicamente cada vez máis. “Non é posíbel aplicar certas leis sen que o xuíz as interprete politicamente, non hai fundamentos de feito”, advirte. Un exemplo é a “Lei de seguridade cidadá”, por exemplo no caso do “delicto de odio”.

Non hai moito, houbo un xuízo porque o xornalista Antonio Maestre foi ameazado de morte por un axente de policía en Twitter. “Ese policía pagou unha multa de 200 euros. Case que ao mesmo tempo, o rapeiro Valtónyc, que ameazara a un empresario en Mallorca nunha das súas cancións, foi condenado a dous anos de cadea, partindo da mesma lei. E aquí é onde se ve ás claras o seguinte: se un axente de policía ameaza a unha persoa de esquerdas, o xuíz di: “Boh, iso non é tan grave”. Se unha persoa de esquerdas ameaza a un empresario de dereitas, será encarcerada.”

Un fascista coma vítima.

Outro exemplo é o caso de Carrero Blanco, o sucesor designado por Francisco Franco, que foi asasinado en 1973 nun atentado de ETA. Por ter feito unha chanza en Twitter sobre o seu pasamento, a estudante Cassandra Vera foi sentenciada a un ano de cárcere. “O xuíz ditaminou partindo do artigo 579 do Código Penal (“enaltecemento do terrorismo”) que Carrero Blanco era unha vítima do terrorismo.

É como se alguén matase a Hermann Göring nun atentado en Alemaña e máis tarde este fose recoñecido como vítima de terrorismo”, explica o xurista. Entre outras cousas, porque o “caso Cassandra” non se tería sostido perante o Tribunal Europeo de Xustiza. O Tribunal Supremo revogou esta sentenza no mes de marzo do ano que estamos a andar.

Segundo Alonso-Cuevillas, eses casos amosan ás claras que a xudicatura española é impredecíbel e remata debilitando a confianza na xurisprudencia: “O poder xudicial debe ser predecíbel ata certo punto. Pero en España os xuízos poden seren moi diferentes para casos absolutamente idénticos”. El tamén ve un problema no dereito penal en si mesmo. “A definición ambigua dalgúns tipos delitivos en dereito penal fan posíbel que de delitos pequenos se remate por pasar a delitos grandes, como no caso da sedición”.

Semellanzas coa loita contra ETA.

Alonso-Cuevillas advirte dunha situación na que a cidadanía está plenamente a mercé do Estado. Se os políticos cataláns acusados de levar a cabo o referendo de independencia fosen condenados, habería un precedente, e no futuro, calquera manifestación contra un desafiuzamento, no que a policía non puidese levar a cabo o seu traballo, podería interpretarse como unha rebelión.

Ademais, é unha inquedanza que Carlos Lesmes, presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), o órgano supremo da xudicatura, establecera a preservación da unidade territorial do Estado como unha das tarefas primordiais da xurisprudencia española.

“Así foi como se tentou xustificar a gran vulneración de dereitos fundamentais que estamos a experimentar. Unhas garantías mínimas, o abuso da prisión preventiva, a desproporcionalidade na aplicación do dereito penal. Aquí intúese un esquema similar ao practicado con ETA no pasado en Euskadi. Nese intre, os xuíces eran quen de pensar que todo estaba xustificado contra ETA, incluso a vulneración de dereitos fundamentais. No caso que nos ocupa, non houbo vítimas mortais”, explica o avogado catalán.

Joaquín Urías resúmeo nunhas poucas verbas: “Os tribunais españois sempre defenden o poder por riba dos cidadáns, cando debería ser ao revés. Ningún xuíz en activo o admitiría publicamente. Os xuíces deberían protexer os dereitos e as persoas, e non estar a prol do poder do Estado. Pero en España facemos xustamente o contrario”.

Pé de foto: Podería tocarlle a calquera deles: protesta masiva polos dictames da Audiencia Nacional contra oito mozos navarros implicados nuna pelexa con dous axentes da Garda Civil en outono de 2016 (Pamplona, ​​15.6.2018). Foto: AP Photo/Álvaro Barrientos

Nova Original – jungeWelt (10/07/2018)

Facebooktwittergoogle_plusredditlinkedintumblr

Share this Post

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*